sábado, 18 de abril de 2015

Cupcakes de Chocolate con Noces e Recheo de Chocolate Branco

Outra receita de cupcakes na que o ingrediente principal é o chocolate. Dinlle unha pequena volta de rosca e o resultado é espectacular. Xogar cos ingredientes é a maneira de buscar diferentes resultados, algunhas veces non saen ben, pero hai que probar sempre.

Ingredientes para 12 biscoitos:

·        100 gr. Manteiga
·        100 gr. Azucre
·        75 gr. Azucre moreno
·        2 ovos
·        180 gr. Fariña
·        25 gr. Cacao en pó
·        1 culleriña de levedo Royal
·        ½ culleriña de sal
·        225 ml. Leite
·        120 gr. Chocolate



Comezamos derretendo o chocolate o baño María.
Nun recipiente poñemos a bater a manteiga xunto cos azucres ata que a mestura quede esponxosa.
De seguido vamos engadindo os ovos un a un sen deixar de bater. Logo engadimos o chocolate previamente fundido.
Unha vez ben integrado o chocolate, engadimos os ingredientes secos ós poucos,logo de peneiralos, e rematamos co leite ata que consigamos unha masa homoxénea.
Repartimos a masa nas casullas e metemos ó forno, xa quente a 180º, durante 20 minutos.

Ingredientes para o frosting de queixo e noces:

·        150 gr. manteiga
·        125 gr. Azucre glass
·        150 gr. Queixo philadelphia
·        100 gr. Noces limpas


Comezamos picando as noces en anacos ben pequenos, para que logo non se nos atasque a manga pasteleira.
Á parte, nun bol, batemos a manteiga xunto co azucre ata conseguir unha textura cremosa. Engadimos  o queixo e seguimos batendo ata que se incorpore por completo e facemos o mesmo coas noces que picáramos previamente. Poñemos nunha manga pasteleira cunha boquiña rizada.
O seguinte paso vai ser facer o chocolate branco para o recheo, poñemos ao lume 150 ml. de tona nun cazo. Xusto no momento que vaia comezar a ferver retiramos e engadímoslle 100 gr. de chocolate branco e remexemos ata que se disolva por completo o chocolate, sempre fora do lume.

Coa axuda dun descorazoador ou dun coitelo facemos un buraco, no centro do biscoito sen chegar a base , que  enchemos co chocolate branco feito previamente. Facemos unha roseta co frosting de noces e coroamos con media noz pelada.
                                                                                   Diego Cordeiro.

miércoles, 1 de abril de 2015

PANNA COTTA DE QUEIXO CON ESPUMA DE FROITOS DO BOSQUE

Como sorprender a uns invitados con unha sobremesa impresionante e sinxela? Esta é unha moi boa opción, que non decepcionará a ninguén e con ingredientes que podemos encontrar en calquera supermercado.


Ingredientes para 8 panna cotta:

·        800 ml. Nata/ tona
·        200 gr. azucre
·        160 ml. leite          
·        300 gr. Queixo Philadelphia
·        8 follas xelatina
·        Azucre de vainilla



Comezamos poñendo as follas de xelatina a remollo en auga fría.
Nun cazo xuntamos nata, azucre, queixo e o azucre de vainilla e poñemos o lume baixo e vamos removendo ata que se dilúan por completo o azucre e o queixo. Unha vez cocida a nata retiramos antes de que chegue a ferver e incorporamos as follas de xelatina integradas no leite quente e remexemos.
Repartimos en moldes individuais, eu no fondo do molde puxen un chorriño de xarope de chocolate para darlle un toque de cor e para facilitar á hora de quitalos do molde, e refrixeramos polo espazo de 8 horas para que se solidifique por completo.

Ingredientes para a Espuma de froitos do bosque:

·        250 gr. Froitos do bosque
·        500 ml. Nata
·        150 gr. Azucre
·        2 cargas de sifón
·        75 ml auga



Comezamos poñendo nun cazo os froitos do bosque, eu empreguei conxelados xa que nesta época do ano é complicado topalas frescas, xunto co azucre e unha pouca de auga para evitar que se nos acaramelen ó poñelas no lume. Deixamos cociñar ata conseguir que quede coma un xarope lixeiro e a froita se desfaga, nese intre trituramos ben e pasamos por un coador moi fino para evitar que se nos colen as sementes que farán que se atasque o sifón. Xuntamos coa nata, mesturamos ben e introducimos no sifón, introducimos dúas cargas de sifón e deixamos repousar na neveira mínimo 6 horas.
                                                                                 Diego Cordeiro.