Mostrando entradas con la etiqueta Arroz. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Arroz. Mostrar todas las entradas

sábado, 21 de marzo de 2015

Croquetas de Mexillóns

Sego a promover ese riquísimo produto, que nos dá o mar e que por sorte ten un prezo moi accesible. Como mellor están sen dubida é cocidos ó natural, con todo, tamén hai que atreverse a experimentar con este molusco. Nesta ocasión decidín facer unhas croquetas moi cremosas, que estaban boísimas.


Ingredientes:
       ·        2 litros de leite
       ·        220 gr. fariña
       ·        160 gr. manteiga
       ·        1 cebola
       ·        500 gr. carne de mexillón
       ·        2 culleradas de salsa de ostras
       ·        Sal e pementa

Comezamos poñendo a manteiga a fundir nunha tarteira e sofritimos nela a cebola picada finamente.
Unha vez sofrito incorporamos a fariña e removemos ata que se desfaga a fariña coa manteiga e traballamos ben durante un par de minutos. Acto seguido vamos mollando pouco a pouco, co leite xa quente, e removemos enerxicamente sen retirar do lume. O lume debe de ser moderado, a clave está en traballar ben a masa. Seguimos engadindo todo o leite, e rematamos incorporando a carne dos mexillóns picada. Para potencia-lo sabor botamos dúas culleradas de salsa de ostras, rectificamos de sal e pementa e vertemos a masa nunha bandexa.Deixamos arrefriar na neveira.

Unha vez fría formámo-las croquetas coa forma e tamaño a gusto de cada un. Eu fíxenas da forma tradicional e cun tamaño grande para que fosen cremosas á hora de comelas.

Pasamos por pan relado, para axudarnos a darlle forma, logo ovo e, de novo, rematamos con pan relado. Procurade non empregar fariña en cru vaille alterar o sabor as nosas croquetas.


Terminamos fritíndoas en aceite ben quente e a gozar deste bocado mariño.

                                                                                 Diego Cordeiro.
 Croquetas De Mexillóns

viernes, 5 de diciembre de 2014

Arroz Verde de Grelos e Chourizo

Esta receita foi froito da casualidade. Estaba preparando un licuado de grelos, para facer unha tapa para un concurso e resultou que fixen moita cantidade. Aproveitando que era xusto a hora de comer e decidín empregalo para facer o almorzo. “Na casa do galego non se tira nada” ¿cantas veces escoitariades dicir iso a vosos pais ou avós?



Ingredientes para 4 persoas:

·        325 gr. Arroz
·        1,2 l. De caldo de polo ou verduras
·        300 gr. Grelos
·        1 ceboliña
·        ½ pemento verde
·        1 dente de allo
·        2 chourizos
·        50 cl. Aceite oliva
·        Sal e pementa

Comezamos limpando ben os grelos de canos e lavámolos ben. Poñémolos a cocer nun caldo de polo ou verduras para suavizar o sabor dos grelos.Se non levaría por diante o resto de sabores do arroz. Unha vez cocidos trituramos e mantemos en quente.


Nunha tarteira aparte poñemos un chorriño de aceite de oliva e refogamos un dente de allo, unha cebola e medio pemento, picados en anacos ben pequenos. Unha vez ben refogados, engadimos os chourizos picados en anacos removemos. De seguido incorporámolo arroz. Imos mollando pouco a pouco co caldo reservado e removendo de vez en cando. Rectificamos de sal.
Cocemos durante 15 minutos e deixamos repousar tapado outros 5 minutos.

Quedara un arroz moi curioso con esa cor verde e con un intenso e contundente sabor.
                                                                                                Diego Cordeiro.
 Arroz Verde de Grelos e Chourizo