domingo, 20 de abril de 2014

TORTA MOZART

   A semana pasada estaba de aniversario una persoa moi especial e fíxenlle unha torta para a ocasión. Decidinme por unha moi rica, a torta Mozart, moi saborosa e chea de matices.


Ingredientes para masa de galleta:
     ·       300 gr. Fariña
     ·       200 gr. manteiga
     ·       100 gr. azucre moreno
     ·       Sal 

   Nun bol mesturamos a fariña coa manteiga a temperatura ambiente ata obter unha masa homoxénea. Engadimos o azucre e un chisco de sal e amasamos.
  Formamos tres bolas do mesmo tamaño e estiramos coa axuda dun rodo dándolle forma circular cun grosor aproximado de 3mm.
   Introducimos no forno a 150ºC durante 25 minutos ata que colla unha pouca de cor e retiramos para que arrefríe, xa que, ó quitalo do forno inda estará brando. Manipular con moito coidado para que non se nos rompan as bases de galleta.

Ingredientes para a mousse de chocolate: 

     ·       250 gr. de chocolate
     ·       6 claras
     ·       40 gr. de azucre
     ·       300 gr. nata

   Fundimos o chocolate nun bol e reservamos.
   Montamos noutro bol as claras co azucre e tamén reservamos.
  E noutro bol montamos a nata, e mesturamos con moito coidado para que non se baixe co chocolate e as claras montadas. O resultado será una crema esponxosa e delicada.

Ingredientes para a mazá caramelizada:

     ·       200 gr. mazá Grand Smith
     ·       25 gr. manteiga
     ·       30 gr. azucre moreno
     ·       Canela
     ·       Amaretto

   Fundimos a manteiga nunha tixola e engadimos a mazá pelada e cortada en cadrados pequenos. Espolvoreamos con canela e azucre moreno e deixamos caramelizar. Cando vaia a quedarse sen líquido mollamos con licor de amaretto e reducimos.
   Engadimos a mazá  a mousse de chocolate.
   Para o montaxe poñemos un disco de galleta na base e botamos a metade da mousse de chocolate sobre ela, e cubrimos con outro disco e repetimos a mesma operación.

  Refrixeramos durante dúas horas. Rallamos unha onza de chocolate e decoramos os laterais da torta. Para a superficie polvoriñamos cacao en po e decoramos con mazá cortada en anacos e unha rama de canela.

   Estou seguro que vos vai gustar moito esta torta, non dubidedes en facela xa que é moi sinxela de preparar.
                                                                             Diego Cordeiro.
                                            
 Torta Mozart

No hay comentarios:

Publicar un comentario