sábado, 21 de marzo de 2015

Croquetas de Mexillóns

Sego a promover ese riquísimo produto, que nos dá o mar e que por sorte ten un prezo moi accesible. Como mellor están sen dubida é cocidos ó natural, con todo, tamén hai que atreverse a experimentar con este molusco. Nesta ocasión decidín facer unhas croquetas moi cremosas, que estaban boísimas.


Ingredientes:
       ·        2 litros de leite
       ·        220 gr. fariña
       ·        160 gr. manteiga
       ·        1 cebola
       ·        500 gr. carne de mexillón
       ·        2 culleradas de salsa de ostras
       ·        Sal e pementa

Comezamos poñendo a manteiga a fundir nunha tarteira e sofritimos nela a cebola picada finamente.
Unha vez sofrito incorporamos a fariña e removemos ata que se desfaga a fariña coa manteiga e traballamos ben durante un par de minutos. Acto seguido vamos mollando pouco a pouco, co leite xa quente, e removemos enerxicamente sen retirar do lume. O lume debe de ser moderado, a clave está en traballar ben a masa. Seguimos engadindo todo o leite, e rematamos incorporando a carne dos mexillóns picada. Para potencia-lo sabor botamos dúas culleradas de salsa de ostras, rectificamos de sal e pementa e vertemos a masa nunha bandexa.Deixamos arrefriar na neveira.

Unha vez fría formámo-las croquetas coa forma e tamaño a gusto de cada un. Eu fíxenas da forma tradicional e cun tamaño grande para que fosen cremosas á hora de comelas.

Pasamos por pan relado, para axudarnos a darlle forma, logo ovo e, de novo, rematamos con pan relado. Procurade non empregar fariña en cru vaille alterar o sabor as nosas croquetas.


Terminamos fritíndoas en aceite ben quente e a gozar deste bocado mariño.

                                                                                 Diego Cordeiro.
 Croquetas De Mexillóns

No hay comentarios:

Publicar un comentario