domingo, 15 de febrero de 2015

Cupcakes de Cenoira e Piruleta

Nesta ocasión decidín empregar dous sabores moi diferentes para levar acabo estes cupcakes. O biscoito e de cenoria que e o máis rico que fixen ata o momento xa que queda moi esponxoso e “frosting de piruleta” e o resultado final e bastante divertido.




Ingredientes para 12 biscoitos:
·        150 gr. Margarina
·        150 gr. Azucre moreno
·        150 gr. Fariña
·        2 ovos
·        1 culleriña de levedo Royal
·        2 cenorias
·        1 culleriña de azucre de vainilla
·        Unha chisca de sal

Nun recipiente poñemos a bater a margarina xunto co azucre ata acadar unha textura cremosa.
Logo, imos engadindo os ovos  un a un, sen deixar de bater para que se incorporen ben. Cando a mestura este ben homoxénea incorporamos as cenorias que previamente pelamos e relamos.
Para finalizar engadimos a fariña e o levedo peneirado para evitará que se formen grumos e o azucre de vainilla e unha chisca de sal que realzará o sabor unha vez cocidos.
Repartimos a mestura en 12 casullas sempre sen pasarnos das ¾ partes da súa capacidade.
Introducimos no forno a 180º durante 18 minutos.

Ingredientes para o “frosting de piruleta”:
·        200 gr. Queixo philadelphia
·        100 gr. Manteiga
·        125 gr. Azucre glass
·        15 ml. Licor de amaretto
·        15 ml. Granadina

Batemos a manteiga xunto co queixo que deben estar a temperatura ambiente e engadimos o azucre glass pouco a pouco. Rematamos coa granadina e o licor de amaretto que lle darán a cor e o sabor característico a “piruleta”.

Acabamos montando os cupcakes co “frosting de piruleta” e decoramos con unha guinda de cor vermello.
                                                                                Diego Cordeiro.
 Cupcakes De Cenoira E Piruleta

jueves, 12 de febrero de 2015

I CAMPIONATO DE TAPAS E PINTXOS DE PARADORES DE TURISMO

Estas últimas semanas están a ser especialmente bonitas para min, supuxeron un pequeno recoñecemento a 12 anos de traballo, que me dan folgos para seguir loitando nesta dura profesión.

A miña tapa "Galicia:terra, mar e aire"
Coma moitos xa sabedes, o dia 16 de xaneiro déronme unha boa nova, estaba clasificado para a gran final do “I Concurso de Tapas e Pintxos de Paradores” que se celebraría o dia 4 de febreiro en “Madrid Fusión”. Recibina con sorpresa e moita ilusión, xa que, estiven durante varias semanas traballando para conseguir unha tapa digna, xa que, non so me ia a representar a min, levaría ó meu Parador, ó propio pobo de Cambados e por suposto o meu pobo natal O Hio, ata a unha das feiras gastronómicas máis importantes. Era unha gran responsabilidade, pero ia levala coa maior ilusión do mundo. Casualmente cumpríanse 10 anos da miña participación no “Campionato Nacional de Gastronomía”, no que acompañei como axudante ó meu compañeiro Jorge Alonso, do Parador de Baiona. O ano anterior acompañei tamén como axudante a Pedro Merino, o meu xefe durante os meus primeiros sete anos no mundo da hostalería e o responsable de todo o que sei como cociñeiro, no “Campionato Galego de Cociñeiros”.

Os finalistas (esquerda a dereita) Abel Llorente, Jose Antonio Morales, Antonio Moya, Marcos Serén, Benjamín Calero e eu


O día 3 reuninme cos meus compañeiros de concurso en Alcalá. Con algún deles xa tiven o pracer de coincidir, traballando no parador de Cambados, Marcos Serén. Na categoría de xefes de cociña o propio Marcos Serén, representando o Parador de Xixón, Antonio Moya, do Parador de Ronda e Abel Llorente, do Parador de Olite. Na categoría de cociñeiros estaba Jose Antonio Morales do Parador de Trujillo, Benjamín Calero do Parador de Cruz de Tejeda e por suposto eu.

Os gañadores Antonio Moya e eu co xurado, a presidenta e a técnica de restauración de Paradores

O mellor desta experiencia foi o compañeirismo e a axuda e o apoio que en todo momento  nos deron para que todo saíse á perfección de Rosa e Javier, do departamento de Restauración de Paradores.

Os finalistas co chef Mario Sandoval
O dia seguinte xa empezaban a notarse os nervios entre os compañeiros. Puxémonos de camiño a “Madrid Fusión” ó chegar a sorpresa foi máxima ó ver na zona do concurso uns carteis enormes coas nosas fotos que xa levaban expostos toda a feira. Repasamos todos os puntos do protocolo e dos procesos do concurso co equipo de restauración e fomos dar unha volta pola feira para relaxar nervios onde nos encontramos con distintas estrelas dos fogóns.

Os finalistas co chef Pedro Larumbe


Os finalistas co Topchef Peña





Ás 14:00 horas daba comezo a montaxe da tapa, ante a atenta mirada da xente que estaban a seguilo concurso, os nervios ían en aumento. Fun o primeiro en subir a facer a presentación da tapa ante o xurado, fixéronme tantas preguntas que pensei que xa non tiña posibilidades de gañar.

Eu ante a atenta mirada do Xurado










Logo de subir todos os participantes o xurado reuniuse para deliberar. Na categoría de xefes, impúxose Antonio Moya , todo un crack dos fogóns e unha gran persoa. E na miña categoría escolléronme a min, cando dixeron o meu nome e a xente comezou a aplaudir, non era consciente de que estaban a darme o premio a min. A partir dese momento non recordo moi ben o que pasou so recordo que subín o escenario e todo eran bicos e felicitacións, unha sensación inexplicable, estaba nunha nube. Nunca esquecerei esa sensación na miña vida.


Os gañadores Antonio Moya e eu coas tapas que nos levaron o premio


Quero agradecer todas as mostras de cariño e felicitacións que recibín esa tarde, quedei ata dúas veces sen batería.
Toda unha experiencia, o que veu a partir de ese momento e os días seguintes, entrevistas para os xornais, chamadas da radio, entrevista na TVG…..algo que nunca pensei que me puidera ocorrer.
                                                                                                                Diego Cordeiro.
Deixo os enlaces da prensa:
Os enlaces das entrevistas de TV e Radio:












jueves, 29 de enero de 2015

Cupcakes de Turrón e Ron Con Pasas

De volta na cociña, unha vez pasadas as festas e intentando volver a rutina diaria e especialmente á rutina alimenticia. Que outra cousa non se faría, pero comer chegoulle ben. Unha das situacións máis habituais despois do Nadal e non saber que facer con os doces que sobran, como os turróns de améndoas. Nesta ocasión douvos unha pequena idea para poder incorporar o turrón de Jijona a un cupcake.



Ingredientes para 12 biscoitos:

·        150 gr. Manteiga
·        120 gr. Azucre moreno
·        3 ovos
·        220 gr. Fariña
·        50 ml. Leite
·        50 gr. Pasas de Corinto
·        20 ml. Ron
·        1 culleriña de levedo Royal


Comezamos poñendo as uvas pasas nun recipiente e cubrimos con ron para que se vaian impregnando.
Por outro lado poñemos a manteiga, previamente apartada do frío para que este branda, nun recipiente xunto co azucre moreno e batemos ata que quede completamente integrados entre si. Engadimos os ovos un a un e entre medias batemos ata que se incorporen entre si e terminamos engadindo o leite.
Para rematar incorporamos a fariña e o levedo previamente peneiradas a mestura anterior e remexemos con coidado ata que non queden grumos. E xusto antes de introducir nas casullas a mestura engadímoslle as pasas de corinto xunto co ron que tiñamos macerando.
Repartimos a mestura en 12 casullas nunha bandexa de forno de cupacakes e introducimos durante 20 minutos a 180 ºC.


Ingredientes para o frosting de turrón:
·        120 gr. Manteiga
·        120 gr. Queixo philadelphia
·        150 gr. Azucre glass
·        200 gr. Turrón de Xixona

Poñemos nun recipiente a manteiga, que previamente quitamos da neveira para que este atemperada, xunto co azucre glass e batemos a conciencia ata que a mestura se poña dunha cor branca e moi cremosa. Nese intre engadímoslle o queixo e o turrón esmigallado e batemos ata que se integren entre si tódolos ingredientes.

Para o montaxe final comezamos bañando con ron os biscoitos, coa axuda dunha brocha, ata o gusto de cada un. Facemos unha roseta na parte superior do biscoito co frosting de turrón usando a manga pasteleira. Rematamos con un pequeno anaco de turrón de Xixona para coroar os cupcakes.
                                                                                 Diego Cordeiro.
 cupcakes de turrón

sábado, 17 de enero de 2015

I Concurso de Pintxos de Paradores, Madrid Fusión




 Onte 16 de xaneiro recibin a noticia de que era finalista do I Concurso de Tapas e Pintxos de Paradores que se celebrará o 4 de febreiro en Madrid Fusión. Toda unha sorpresa xa que non mo esperaba debido o gran número de participantes que se presentaron o concurso. Deixovos unhas fotos do montaxe das mesmas, que fixen na illa de San Sadurniño o carón daponte que leva a Torre.
Espero estar a altura no concurso e poder traer o premio para a nosa terra, irei informando sobre o transcurso do concurso.


sábado, 10 de enero de 2015

Cupcakes de Café

Agora que estamos no inverno vai frío e chove, ¿a quen non lle apetece un café quentiño con unha madalena? Pois eu tráiovos o ultimo para as merendas, os cupcakes de café. Un biscoito esponxoso,  un frosting intenso a café con unha sorpresa no interior e unha decoración moi orixinal.



Ingredientes para 12 cupcakes:
·        150 gr. Manteiga
·        150 gr. Azucre moreno
·        2 ovos
·        220 gr. Fariña
·        2 culleriñas de levedo royal
·        1 cunca de café intenso
·        50 ml. Leite

Poñemos nun bol a mantenga, que debe estar a temperatura ambiente, xunto co azucre e poñemos a bater a velocidade alta. Cando a mestura este ben esponxosa, imos incorporando os ovos  un a un sen deixar de bater, preo a unha velocidade máis moderada.
Proseguimos engadindo os líquidos, o leite e o café ben cargado, e rematamos coa fariña e o levedo, previamente peneiradas para evitar os grumos. Batemos amodo ata que se liguen por completo tódolos ingredientes.
Preparamos nunha bandexa de cupcakes con 12 casullas e repartimos a mestura anterior en todas por partes iguais. Introducimos no forno xa quente a 190ºC durante 15-20 minutos.
Unha vez cocidos e temperados mollámolos con café, coa axuda dun pincel, para que queden máis esponxosos e con más sabor.
Coa axuda dun descorazonador de mazás quitámoslle o centro do biscoito sen chegar o fondo porque os vamos a encher con leite merengada para aportarlle un toque de doce e de intensidade.

Ingredientes para o frosting de café:
·        150 gr. Manteiga
·        150 gr. Azucre glass
·        150 gr. Queixo philadelphia
·        1 sobre de café soluble instantáneo

Poñemos a montar a manteiga xunto co azucre a toda velocidade ata que a manteiga se poña dunha cor máis branca e con unha textura máis cremosa.
Nese intre incorporamos o queixo e o sobre de café e seguimos batendo ata que se incorporen por completo o resto de ingredientes.

Enchemos unha manga con unha boquilla rizada co frosting e facemos unha roseta na parte superior. Eu, nesta ocasión, decoreinos con unha trufa de capuchino e unha culler de chocolate moi orixinal que fixen con un molde de silicona que me regalou Sara Carro, por certo Grazas quedan moi bonitas. 
                                                                                              Diego Cordeiro.

lunes, 29 de diciembre de 2014

Brownie Dous Chocolates con Espuma de Melocotóns sobre Sopa de Chocolate

Este postre e ideal para unha comida entre amigos ou coa familia, xa que conten dous ingredientes esenciais no contido deste postre como son o chocolate e froita. Un postre debe conter varios elementos para conseguir sorprender os comensais, e importante xogar con distintos tipos de temperatura das partes que compoñen o prato e que as texturas que sexan diferentes.



Ingredientes espuma de melocotóns:

·        1 lata grande de melocotóns en xarope
·        125 ml. Nata
·        75 gr. Azucre
·        2 cargas sifón

Comezamos poñendo nun cazo todo o contido dunha lata grande de melocotóns en xarope e incorporámoslle o azucre, deixamos cocer durante 15 minutos aproximadamente.
Trituramos ben todo o contido ata que non quede ningún anaco e para terminar o colamos para eliminar calquera resto de melocotón. Engadímoslle a nata, removemos para que se incorpore por completo entre si e enchemos un sifón dun litro de capacidade coa mestura anterior. Cerramos e incorporámoslle duas cargas de sifón e deixamos repousar durante 2 horas.

Ingredientes brownie dous chocolates:

·        8 ovos
·        100 gr. Fariña
·        300 gr. Manteiga
·        300 gr. Azucre
·        200 gr. Chocolate negro
·        200 gr. Chocolate branco

 Nun recipiente poñemos 150 gramos de manteiga e 200 gramos de chocolate negro en anacos pequenos e fundimos no microondas, tendo coidado de ir removendo cada pouco para que non se queime.
Noutro bol mesturamos 150 gramos de azucre, 50 gramos de fariña e 4 ovos. Incorporamos o chocolate e manteiga fundida anteriormente e mesturamos.
Repetimos a mesma operación co resto de ingredientes pero nesta ocasión co chocolate branco.
Verter nunha bandexa unha das mesturas anteriores e por enriba a outra e coa axuda dunha espatula difuminamola lixeiramente para que faga un contraste de cores e enfornar a 180ºC durante 20-25 minutos.
Para o montaxe optei por poñer na base do plato unha sopa quente de chocolate enriba o un cadrado de brownie e terminei coa espuma de melocotóns.

Sen dubida invitovos a facer esta sobremesa, sorprenderedes os vosos convidados.                                                             Diego Cordeiro.
 Brownie Dous Chocolates con Espuma de Melocotóns

domingo, 14 de diciembre de 2014

Cupcakes Triple Chocolate

Esta receita vai especialmente dedicada a tódolos chocoadictos, xa que estes cupcakes levan un biscoito de chocolate, con recheo de xarope de chocolate, un frosting de chocolate e decorado con lascas de chocolate.



Ingredientes para 12 biscoitos:
·        100 gr. Manteiga
·        180 gr. Azucre
·        3 ovos
·        40 gr. Cacao en po
·        180 gr. Fariña
·        100 ml. Leite
·        1.5 culleriña de levedo Royal

Comezamos poñendo nun bol a manteiga a temperatura ambiente xunto co azucre e batemos ata conseguir que quede con unha textura moi cremosa. Nese intre incorporamos os ovos un a un mentres batemos. Engadimos a leite removemos para que se incorpore e rematamos coa fariña e o levedo peneirados previamente, para evitar grumos, e remexemos ata conseguir incorporar por completo a fariña á mestura.


Preparamos unha bandexa de cupcakes con 12 casullas e repartimos a masa uniformemente por todas. Introducimos no forno a quente, a190ºC durante 15-20 minutos.
Baleiramos o centro dos cupcakes coa axuda dun descoraozador de mazás, sen chegar ata o fondo e os enchemos con xarope de chocolate.



Ingredientes para o frosting de chocolate:
·        150 gr. Manteiga
·        150 gr. Azucre
·        150 gr. Queixo philadelphia
·        80 gr. Chocolate
·        50 ml. Nata

Poñemos a bater a manteiga co azucre ata que se esponxe e teña unha textura máis sedosa. Seguimos engadindo o queixo seguimos batendo e rematamos incorporando unha trufa liquida, feita co chocolate fundido xunto coa nata quente e removida, ata que se dilúen entre si por completo. Remexemos todos os ingredientes ata conseguir un frosting con unha cor brillante.



Procedemos a decoralos cupcakes coa axuda dunha manga e unha boquilla rizada coa que facemos unha roseta co frosting de chocolate e rematamos con lascas de chocolate e un chorriño de xarope de chocolate na parte superior, que coroaran os cupcakes.
                                                                                               Diego Cordeiro.
 Cupcakes Triple Chocolate