martes, 6 de mayo de 2014

Pizza Wok

    Sigo fusionando distintas culturas culinarias, sempre tentando unir pratos moi representativos. Neste caso foron Italia e China, dous países que me apaixonan culinariamente falando, xa que aportan sabores moi definidos e aromáticos.



Ingredientes para a masa:
      ·       300 gr. fariña
      ·       200 ml. Auga
      ·       20 gr. levedo
      ·       Sal
      ·       20 gr. aceite de oliva

    Facemos un cráter coa fariña e no seu interior poñemos a auga, o sal e o aceite de oliva. Amasamos enerxicamente ata conseguir unha masa elástica que non se pegue ó mesado. Para rematar, incorporamos o levedo e continuamos amasando ata incorporala ben. Deixamos levedar a masa durante 30 minutos.

Ingredientes para o Wok:
      ·       100 gr. Luras
      ·       100 gr. polo
      ·       50 gr. gambas
      ·       50 gr. cogomelos
      ·       ½ pemento amárelo
      ·       ½ pemento vermello
      ·       ½ cebola
      ·       ¼ de col chinesa
      ·       Albaca (alfábega)
      ·       30 ml. Aceite de oliva
      ·       50 gr. queixo parmesano
      ·       Salsa de soia
      ·       Sal
      ·       pementa branca
  
         O primeiro que facemos e cortar o polo en dados e as luras en toros e salpementamos.
        Poñemos lume forte á tixola wok con aceite de oliva e cando este ben quente engadimos o polo e as luras,  removemos durante un minuto. De seguido incorporamos as verduras cortadas en anacos, menos a col, e seguimos remexendo para que se douren por igual os ingredientes.
        O seguinte é incorporar a col chinesa, a albaca e as gambas, e mollamos coa salsa de soia, deixamos un minuto máis o lume e apartamos.
        Para terminar estiramos a masa  ó gusto,  esparexemos na superficie o salteado do wok  e relamos queixo parmesano por riba.
        Introducimos no forno, previamente prequentado a 220ºC, durante uns 10 minutos.
                                                                                        Diego Cordeiro.
 Pizza Wok

domingo, 20 de abril de 2014

TORTA MOZART

   A semana pasada estaba de aniversario una persoa moi especial e fíxenlle unha torta para a ocasión. Decidinme por unha moi rica, a torta Mozart, moi saborosa e chea de matices.


Ingredientes para masa de galleta:
     ·       300 gr. Fariña
     ·       200 gr. manteiga
     ·       100 gr. azucre moreno
     ·       Sal 

   Nun bol mesturamos a fariña coa manteiga a temperatura ambiente ata obter unha masa homoxénea. Engadimos o azucre e un chisco de sal e amasamos.
  Formamos tres bolas do mesmo tamaño e estiramos coa axuda dun rodo dándolle forma circular cun grosor aproximado de 3mm.
   Introducimos no forno a 150ºC durante 25 minutos ata que colla unha pouca de cor e retiramos para que arrefríe, xa que, ó quitalo do forno inda estará brando. Manipular con moito coidado para que non se nos rompan as bases de galleta.

Ingredientes para a mousse de chocolate: 

     ·       250 gr. de chocolate
     ·       6 claras
     ·       40 gr. de azucre
     ·       300 gr. nata

   Fundimos o chocolate nun bol e reservamos.
   Montamos noutro bol as claras co azucre e tamén reservamos.
  E noutro bol montamos a nata, e mesturamos con moito coidado para que non se baixe co chocolate e as claras montadas. O resultado será una crema esponxosa e delicada.

Ingredientes para a mazá caramelizada:

     ·       200 gr. mazá Grand Smith
     ·       25 gr. manteiga
     ·       30 gr. azucre moreno
     ·       Canela
     ·       Amaretto

   Fundimos a manteiga nunha tixola e engadimos a mazá pelada e cortada en cadrados pequenos. Espolvoreamos con canela e azucre moreno e deixamos caramelizar. Cando vaia a quedarse sen líquido mollamos con licor de amaretto e reducimos.
   Engadimos a mazá  a mousse de chocolate.
   Para o montaxe poñemos un disco de galleta na base e botamos a metade da mousse de chocolate sobre ela, e cubrimos con outro disco e repetimos a mesma operación.

  Refrixeramos durante dúas horas. Rallamos unha onza de chocolate e decoramos os laterais da torta. Para a superficie polvoriñamos cacao en po e decoramos con mazá cortada en anacos e unha rama de canela.

   Estou seguro que vos vai gustar moito esta torta, non dubidedes en facela xa que é moi sinxela de preparar.
                                                                             Diego Cordeiro.
                                            
 Torta Mozart

domingo, 13 de abril de 2014

ENSALADA DE COL CHINESA, MOZZARELA, PANCETA SALTEADA E SALSA DE IOGUR

Acercase o verán e xa empeza a apetecer pratos lixeiros e frescos, tipo ensalada. E nesta ocasión optei por un ingrediente moi utilizado en América como é a col  para facer unha ensalada, sen dubida dálle un toque crocante moi agradable na boca.



Ingredientes para 4 persoas:
     ·       700 gr. col chinesa
     ·       100 gr. queixo mozzarela
     ·       100 gr. panceta
     ·       80 gr. champiñóns
     ·       ½ cebola
     ·       1 iogur
     ·       3 culleradas maionesa
     ·       1 limón
     ·       Salsa de soia
     ·       cecimbre

O primeiro paso vai ser facer a salsa de iogur para a que poñemos nun bol 1 iogur natural, 3 culleradas de maionesa, o zume dun limón, un chorriño de salsa de soia e cecimbre picada. Mesturamos ben coa axuda dunha culler ata que quede una salsa totalmente homoxénea.
Lavamos a col e a cortamos en xuliana fina, facemos o mesmo con media cebola e incorporamos a salsa de iogur. Removemos ben para que quede completamente impregnada na salsa e reservamos.


Cortamos a panceta en bastóns e salteamos nunha tixola con un pouco de aceite de oliva. No mesmo aceite salteamos uns champiñóns laminados.
Empratamos poñendo a col na base do prato e vamos poñendo enriba a panceta, os champiñóns e uns anacos de mozzarela.

Sen dubida gustaravos moito esta combinación de texturas e sabores, a col aporta un toque crocante, a panceta un toque salgado e a mozzarela un toque ácido.                                                
                                                           DIEGO CORDEIRO.
                                   
 ENSALADA DE COL, MOZZARELA, PANCETA SALTEADA E SALSA DE IOGUR

sábado, 5 de abril de 2014

Espuma de Tiramisú (Sifón)

      Este Nadal recibín dunha persoa moi especial un agasallo que me encanta, un sifón para facer espumas e cremas con unas texturas moi delicadas. Sempre me encantou probar cousas e sabores co sifón, pero sempre foi no traballo, agora irei probando cousas con máis liberdade na casa. Este foi o primeiro resultado.



Ingredientes:
     ·       125 gr. mascarpone
     ·       125 gr. azucre glass
     ·       25 ml. Licor de Amareto
     ·       25 ml. Café
     ·       200 ml. Nata
     ·       1 xema de ovo
     ·       Cacao en po
     ·       1 carga para o sifón

      
      O primeiro que facemos e votar nun bol o queixo, a nata e o azucre glass, poderiamos usar azucre normal pero teriamos que colar a mestura ou fervelo azucre coa nata para disolvelo se non poderíase atascar o sifón, e batemos para conseguir unha mestura máis cremosa.
      Engadimos a xema de ovo, o licor  de amareto, que aportaralle ese sabor e aroma tan característico do tiramisú, e unha cunca de café. Removemos ata conseguir unha incorporar completamente todos os ingredientes.

     
      Introducimos no sifón, cerramos e poñemos unha carga de gas de sifón.      Reservamos no frigorífico durante 12 horas antes usalo para que a mestura se estabilice por completo.

     Para terminar votamos sobre unha copa de Martini ou prato de sobremesa e polvoriñamos con cacao en po por encima.
                                                                                  Diego Cordeiro.
                                              
 Espuma de Tiramisú

miércoles, 26 de marzo de 2014

Empanada de Bacallau con Catañas

   Probablemente probastes empanadas de todo tipo e de todos os sabores posibles. Pero estou seguro que nunca saboreastes unha de bacallau e castañas, ocorréuseme nun momento de inspiración ou de tolemia non o teño moi claro, xa que non é unha combinación moi usual e moito menos para o recheo dunha empanada. Estou seguro que non vos decepcionará.



Ingredientes para a masa:
     ·       500 gr. fariña
     ·       1 ovo
     ·       30 gr. levedo
     ·       50 ml. leite
     ·       50 ml. aceite do rustrido
     ·       Sal
     ·       Auga a que admita.

   Poñemos a fariña nun bol e facemos un volcán e no seu interior incorporamos o ovo, leite, sal, o aceite do sofrito que lle dará cor e sabor a nosa masa e imos engadindo auga ata acadar una textura manexable e elástica.         Por ultimo engadímoslle o levedo e amasamos enerxicamente. Reservamos tapado con un pano ata que dobre o seu volume.

Ingredientes para o recheo:
     ·       2 cebolas
     ·       ½ pemento vermello
     ·       ½ pemento verde
     ·       400 gr. bacallau
     ·       150 gr. castañas
     ·       1 culler de pementón doce
     ·       Sal
     ·       100 ml. Aceite de oliva

    O primeiro que facemos é pelar e cocer as castañas ( eu sempre teño un puñado xa peladas no conxelador para ter fora da época de outono).
    O seguinte é preparar o rustrido para a empanada no que poñemos aceite nunha tixola e pochamos a cebola e pemento picados en anacos. Engadimos o bacallau desalgado e cortado en cadradiños e poñémoslle a culler de pementón e a sal. Deixamos cocer durante 5 minutos a lume baixo. Por ultimo incorporamos as castañas xa cocidas e removemos co rustrido para que se mesturen os sabores.

    
     Estiremos a metade da masa que fará de base, e poñémola nunha bandexa de forno. Enriba repetimos o rustrido sobre toda a superficie. Estiramos a outra metade e tapamos a bandexa, cortamos os sobrantes e facemos o peche polos lados para que non se escape o recheo. Facemos un pequeno burato no centro para que saian os vapores durante a cocción e pintamos con ovo toda a superficie da empanada.

   Introducimos no forno previamente quentado durante 20-25 minutos a 185ºC.                                                                     Diego Cordeiro.
                                                         
 Empanada de Bacallau con Castañas
   

jueves, 20 de marzo de 2014

CUPCAKES DE MANGO

         Continúo  a perfeccionar a técnica dos cupcakes, pouco a pouco vou buscando esa receita que o resultado sexa innovador, nesta ocasión estaban realmente bos. Optei por facelos de mango e aplicar algunhas variantes na receita.


Ingredientes para 12 bases:
·       150 gr. Manteiga
·       120 gr. Azucre
·       2 ovos
·       200 gr. Fariña
·       50 ml. De zume tropical
·       1 culleriña levedo royal
·       200 gr. mango

Poñemos nun bol a manteiga, co azucre e o zume tropical, que lle dará un sabor intenso o biscoito. Batemos os ingredientes ata conseguir unha masa cremosa.
Engadimos os ovos, de un en un, e removemos. O seguinte será incorporar a fariña e o levedo previamente peneirada e mesturamos ata que desfagamos todos os grumos.
Para rematar engadimos o mango cortado en anacos pequenos e repartimos a masa en doce casullas repartidas nunha bandexa de forno. Introducimos no forno previamente prequentado a 180ºC e cocemos durante 15 ou 20 minutos.

Ingredientes para o frosting:
        ·       150 gr. manteiga
        ·       120 gr. azucre glass
        ·       150 gr. queixo philadelphia
        ·       150 gr. de mango

Para preparar o frosting empezamos batendo a manteiga, xunto co azucre glass e o queixo. Unha vez conseguida unha textura cremosa incorporamos o mango en anacos pequenos mesturamos.

Para terminar facemos rosetas coa axuda dunha manga para decorar os nosos cupcakes e gozar dun bocado cun sabor tropical.
                                                                                   Diego Cordeiro.
Cupcakes de Mango

jueves, 13 de marzo de 2014

Pemento Recheo de Polo con Noces o Curry Gratinado con Queixo de Arzúa

      A cociña non deixa de ser un xogo, tratase de xogar cos ingredientes que temos na nosa man para conseguir facer un prato distinto e co noso selo particular. Iso mesmo fixen eu para conseguir este prato, que sen dubidas ten matices que vos encantarán.




Ingredientes para 4 persoas:
  • ·        4 pementos morróns
  • ·        800 gr. peitugas de polo
  • ·        1 cebola
  • ·        3 dentes de allo
  • ·        80 gr. noces peladas
  • ·        2 cenorias
  • ·        1 tomate maduro
  • ·        50 ml. Viño branco
  • ·        50 ml. Aceite oliva
  • ·        200 gr. de queixo Arzúa
  • ·        Curry
  • ·        Pementa branca
  • ·        Sal

Comezamos baleirando os pementos das pebidas, abrímolos pola parte superior, por onde esta o cano, e lavamos ben. É importante que os pementos sexan chatos, sen punta para que se nos aguanten de pé, unha vez recheos.


Por outro lado nunha tarteira poñemos o aceite de oliva e refogamos o allo, a cebola e as cenorias cortadas en anacos pequenos. O seguinte paso será engadirlle o polo picado en dados e salpimentado e salteamos.
    Por último, incorporamos o tomate cortado tipo concase, engadimos o curry ó gusto, as noces e mollamos co viño deixando cocer durante uns 20 minutos a lume moderado para que os sabores se mesturen entre eles.


     Reenchémolos pementos, cubrimos con uns anacos de queixo de Arzúa e metemos no forno a 190ºC durante uns 15 minutos aproximadamente.
                                                                                    Diego Cordeiro. 
                                                
 Pemento recheo de polo con noces o curry gratinado con queixo de arzúa