sábado, 21 de junio de 2014

Empanada de Bolos

O xoves da semana pasada fun pola praza de Abastos a votar unha ollada, non había moita variedade de peixes xa que fun un pouco tarde, pero nun dos postos tiñan un puñado de bolos pequenos (en Cambados coñecidos como “areeiros” ou “voladores” e no Hio tamén chamados “farabolos”). O caso é que a min encantanme, sexan fritos ou guisados, pero ó ser tan pequenos ocorréuseme facer unha empanada como se fora de xoubas, pero con bolos e este foi o resultado.

Ingredientes para a masa:
      ·        500 gr. Fariña
      ·        1 ovo
      ·        30 gr. levedo
      ·        50 ml. Leite
      ·        50 ml. Aceite do rustrido
      ·        Sal
      ·        Auga a que admita

Poñemos a fariña nun bol e facemos un volcán e no seu interior incorporamos o ovo, leite, sal e o aceite do sofrito, que lle dará cor e sabor a nosa masa. Imos engadindo auga ata acadar una textura manexable e elástica. Por ultimo, engadímoslle o levedo e amasamos enerxicamente. Reservamos tapado cun pano ata que dobre o seu volume.
Ingredientes para o recheo:
       ·       2 cebolas
       ·       ½ pemento vermello
       ·       ½ pemento verde
       ·       500 gr. bolos
       ·       1 culler de pemento doce
       ·       Sal
       ·       100 ml. Aceite de oliva

O seguinte é preparar o rustrido para a empanada, poñemos aceite nunha tixola e pochamos a cebola e pemento picados en anacos. Deixamos cocer a lume baixo, ata que as verduras queden ben pochadas e engadímoslle unha culler de pemento doce e rectificamos de sal.

Estiremos a metade da masa que fará de base, e poñémola nunha bandexa de forno. Enriba repetimos o rustrido sobre toda a superficie. Sobre o rustrido repartimos os bolos limpos de cabeza e vísceras e sazonamos. Estiramos a outra metade e tapamos a bandexa, cortamos os sobrantes e facemos o peche polos lados para que non se escape o recheo. Facemos un pequeno burato no centro para que saian os vapores durante a cocción e pintamos con ovo toda a superficie da empanada.
Introducimos no forno previamente quentado durante 20-25 minutos a 185ºC.

O resultado non vos defraudará, estaba boísima. Cun gran sabor a mar e o máis importante, que é unha empanada moi económica, xa que o quilo de bolos saíume so a 2€.                                     Diego Cordeiro.
                            
 empanada de bolos

1 comentario:

  1. ��������nunca hubera pensado facer unha empanada de bolos(en tortilla , sí os fixen), o resultado me parece genial.Noraboa!!!

    ResponderEliminar