sábado, 2 de agosto de 2014

Cupcakes de Mazá e Mel

Sego a  ampliar o meu receitario de cupcakes, nesta ocasión fixen os biscoitos de mazá reineta, xa que considero que aporta un sabor único e aguanta máis a cocción para calquera receita sexa salgada ou doce. Tamén os reenchín dunha compota da mesma mazá e o frosting  fíxeno con un toque de mel de Viñó, que me deu miña madriña de colleita propia, que ten un sabor incrible. Disque o resultado foi brutal, leveillos como premio do sorteo para María e felicitoume.


Ingredientes para 12 biscoitos:
        ·        150 gr. Manteiga
        ·        120 gr. azucre  moreno
        ·        2 ovos
        ·        200 gr. fariña
        ·        50 ml. Nata
        ·        50 ml. Zume de mazá
        ·        1 culleriña de levedo Royal
        ·        1 mazá reineta

Poñemos a manteiga, previamente apartada do frío para que este branda, nun recipiente xunto co azucre moreno e batemos ata que quede completamente integrados entre si. Engadimos un ovo batemos, incorporamos o outro e seguimos batendo ata que se incorpore e terminamos cos líquidos a nata e máis o zume de mazá e repetimos o mesmo proceso.
Para rematar incorporamos a fariña e o levedo previamente peneiradas a mestura anterior e remexemos con coidado ata que non queden grumos. E xusto antes de introducir nas casullas a mestura engadímoslle a mazá reineta pelada e cortada en anacos pequenos.
Repartimos a mestura en 12 casullas nunha bandexa de forno de cupacakes e introducimos durante 20 minutos a 180 ºC.

Ingredientes para o recheo:
       ·        2 mazás reineta
       ·        100 gr. azucre
       ·        25 gr. manteiga
       ·        ½ culleriña de canela moída

Pelamos as mazás e as cortamos en cadradiños pequenos as poñemos nun cazo o lume xunto coa manteiga e salteamos lixeiramente. De seguido botámoslle o azucre e a canela moída remexemos e deixamos cocer un 25 minutos a lume moderado ata que quede a mazá brandiña.

Ingredientes para o frosting de queixo e mel:
       ·        150 gr. manteiga
       ·        150 gr. queixo philadelphia
       ·        200 gr. icing sugar ( ou azucre glass)
       ·        150 gr. Mel

Nun recipiente batemos a conciencia a manteiga a temperatura ambiente xunto co icing sugar, eu utilicei azucre glass, ata que quede una textura moi cremosa e totalmente branca. Chegados a ese punto engadimos o queixo philadelphia e a mel e seguimos batendo ata conseguir unha crema con consistencia e moi suave.
Agora so queda proceder o montaxe dos cupcakes, comezamos baleirando o centro dos biscoitos coa axuda dun coitelo ou dun descoranozador de mazás. Ese oco é o que vamos a encher coa compota de mazá. E na parte superior cubrimos cunha roseta do frosting de queixo e mel, eu remateinos cun azucre de mazá de cor verde que lle dá un toque de cor.

Espero que vos guste a combinación de sabores que escollín para esta ocasión.
                                                                                     Diego Cordeiro.
 Cupcakes de mazá e mel

No hay comentarios:

Publicar un comentario